Elaboración do ICA

QUE É O ICA?

O ICA son as siglas do Índice de Calidade do Aire que é un mecanismo de acceso a información ambiental para facilitar a comprensión do estado no que se atopa o aire ambiente.

Consiste en representar a calidade do aire mediante un código de cores. A definición desta escala de cores vén dada polo intervalo de concentración dos contaminantes no aire ambiente (expresada en µg/m3), de xeito que poidamos coñecer o seu estado sen dispoñer de coñecementos previos sobre o tema.

  Nivel de ICA
Boa Favorable Regular Mala Moi mala Pésima
PM2,5 0-10 10-20 20-25 25-50 50-75 75-800
PM10 0-20 20-40 40-50 50-100 100-150 150-1200
NO2 0-40 40-90 90-120 120-230 230-340 340-1000
O3 0-50 50-100 100-130 130-240 240-380 380-800
SO2 0-100 100-200 200-350 350-500 500-750 750-1250

Os niveis do índice de calidade do aire establecéronse tendo en conta os riscos relativos asociados á exposición a curto prazo de PM, O3 e NO2, de acordo co establecido pola Organización Mundial da Saúde e os seguintes adoptados pola Axencia Europea de Medio Ambiente para o índice europeo.

PARA QUE SERVE?

O ICA informa sobre o estado da calidade do aire en cada unha das estacións distribuídas por todo o territorio galego, sobre a base dunha escala de cores de fácil identificación para a cidadanía.

Serve para facilitar á poboación a interpretación de datos de carácter técnico dunha maneira clara e comprensible, cumprindo así cos requisitos que se derivan da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente.

O ICA reflicte o impacto potencial da calidade do aire sobre a saúde. Por este motivo, asígnaselle a peor categoría, en termos de calidade do aire, de calquera dos contaminantes que se teñen en consideración para a súa estimación.

É importante sinalar que o índice amosa a situación da calidade do aire a curto prazo e non a situación a longo prazo (período anual), que podería diferir de xeito significativo co valor do índice. A normativa de calidade do aire establece obxectivos de calidade a longo prazo que son máis estritos que os obxectivos a curto prazo, polo tanto o ICA non é unha ferramenta axeitada para avaliar o cumprimento da normativa de calidade do aire.

COMO SE CALCULA?

O ICA calcúlase cos datos en tempo real emitidos por todas as estacións da Rede de Calidade do Aire de Galicia, xa sexan de titularidade pública ou privada, clasificadas de acordo coa fonte de emisión predominante na localización da seguinte maneira:

  • - Estación de tráfico
  • - Estación industrial
  • - Estación de fondo

O ICA amosa a situación nas estacións para as que dispoñemos de datos de acordo o seguinte promedio temporal:

  • - Para NO2 , O3 e SO2 empréganse concentracións horarias.
  • - Para PM10 e PM2,5 empréganse as medias móbiles das derradeiras 24 horas.

En caso de que unha estación non dispoña de datos para algún dos contaminantes, o índice calcúlase cos datos dos restantes contaminantes. Non se empregan no seu lugar datos obtidos mediante modelización.

Realizamos tamén unha predición do ICA para cada estación e cada parámetro empregando a mesma metodoloxía e  intervalos descritos nos parágrafos anteriores, pero substituíndo os datos medidos nas estacións de calidade do aire polas saídas do modelo Chimere de Meteogalicia. Estes resultados amósanse nos mapas e gráficas específicas de “Predición ICA”, onde se pode observar o ICA que se espera nos próximos días.


Xunta de Galicia 
Icono Creative Commons Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en Internet pola Xunta de Galicia.
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Nota legal | Mapa do portal 2.1.5